Friday 03 de May de 2024

Oitenta persoas participan na andaina polo Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia organizada polo Club de Xubilados de Lousame


A segunda etapa terá lugar o domingo 5 de maio

Unhas oitenta persoas participaron onte domingo na andaina polo Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia, organizada polo Club de Xubilados de Lousame en colaboración co Concello de Lousame. O tempo acompañou, polo que os camiñantes desfrutaron dun percorrido de 16 quilómetros entre Porto do Son e Portobravo (Lousame).

A expedición saíu ás 9:00 horas da praza Teodomiro Hidalgo de Lousame para desprazárense ata o faro de Cabeiro (Porto do Son), para continuar o Camiño sempre a carón da costa pola pasarela de madeira da praia de Aguieira, a beirarúa entre O Alto da Silva ata a praia de Coira, para seguir polo paseo de Coira ata o Club Náutico de Portosín. Tras bordear o esteiro do Tambre, atravesaron Noia polo Tapal, o Cantón e a Corredoira ata a Ponte de Traba, dende onde volveron a Lousame.

A andaina estivo encabezada polo presidente do Club de Xubilados de Lousame, Francisco Avelino García Nieto; quen estivo acompañado polas concelleiras de Deportes, Mairel Agrafojo Nieto, e de Cultura, Silvia Agrafojo; e polo concelleiro de Seguridade Viaria, José Antonio Ces Barreiro.

Tras o éxito de participación nesta primeira etapa, dende o Club de Xubilados xa adiantan que nos próximos días convocarán a segunda, o domingo 5 de maio, nesta ocasión con saída en Muros. A intención é percorrer o traxecto entre Muros e Noia en tres etapas: 5 e 12 de maio e 9 de xuño.